Facemos e gozamos LABoral

Somos moitas as artistas, comisarias, xestoras e colectivos de creadores e visitantes que desde o ano 2007 formamos parte activa e profesional, ou simplemente visitamos LABoral Centro de Arte como público, gozando das súas propostas arredor da arte e a cultura dixital.

LABoral Centro de Arte é un dos referentes nacionais e internacionais que aborda as complexidades das actuais prácticas artísticas e funciona como acicate para a fusión das distintas artes dixitais, xerando diálogo entre axentes e disciplinas, non só artísticas senón tamén tecnolóxicas, científicas e sociais. Desde os seus inicios o Centro xera redes entre artistas, xestoras e público, tanto no ámbito local como no nacional e internacional.

En clave asturiana, LABoral supón unha vía pública e activa de entrada e saída de coñecemento e cultura para a comunidade autónoma, as cales, desgraciadamente, non abundan.

Nas últimas semanas, e como xa sucede periodicamente desde os seus inicios, asistimos a unha escalada de comunicados na prensa local con respecto a diversos movementos no Centro, tales como a non renovación dos cargos directivos [ 1 ], a fuxida dos seus xa reducidos colaboradores e patróns privados [ 1 ] e as especulacións arredor da programación e os usos futuros [ 1 ] que distorsionan e desubican a realidade para a que foi concibido, o seu desenvolvemento actual e o seu propio funcionamento.

A esta serie de acontecementos e continuas presións, únese a nula transparencia e comunicación do propio goberno do Principado como xestor principal do Centro.

Lamentablemente, non son feitos illados e Laboral súmase á longa lista de aldraxes, malas decisións e prácticas políticas que salpican outros centros culturais da nosa xeografía e que, lonxe de ser valorados e estimulados nun esperado compromiso institucional e social, son sometidos a un repetido acoso. Esta situación asturiana resoa nos casos de Medialab Prado [ 1 ] en Madrid, o C3A de Córdoba ou o CDAN [ 1 ] de Huesca, entre moitos outros.

É por iso que artistas, xestoras e as cidadás abaixo asinantes non podemos quedarnos de brazos cruzados perante este novo revés, que compromete unha vez máis, o labor de LABoral Centro de Arte, empobrecendo por iso ámbitos culturais e sociais, xa de seu maltratados. E máis nun contexto de recente pandemia e urxente precariedade, debido ás diversas restricións sociais e económicas derivadas da mesma.

Concretamente, as abaixo asinantes pedimos:

  • Claridade e transparencia total sobre o futuro organizativo e económico do centro, así como os efectos previstos na súa programación.
  • Que o padroado de LABoral estea formado por ata un 50% de profesionais do sector, cuxo coñecemento é imprescindible para tomar decisións rigorosas e expertas respecto a futuro do Centro.
  • Dado que o padroado está a baleirarse de patróns privados e que os premios/ axudas á produción e exhibición do tecido artístico asturiano multidisciplinar non se van a convocar, que se conte coa asignación orzamentaria necesaria para garantir a continuidade das mesmas nunhas condicións dignas e suficientes.
  • Que se respecte a coherencia e liberdade artística na programación en todas as súas liñas de desenvolvemento, evitando ceder o Centro a iniciativas que pouco ou nada teñen que ver co desenvolvemento das súas temáticas.
  • Que se coide a integridade física do Centro, achegando recursos técnicos e humanos suficientes, en condicións laborais dignas, para que os espazos sexan utilizables e non se descoiden.
  • Que se establezan vías de participación directa con usuario/as do Centro e colaboradores/as, para que o diálogo sexa áxil e axude a que propostas simples e necesarias para a comunidade artística e a cidadanía, poidan ser realmente escoitadas e postas en práctica.
  • En definitiva, que se protexa e se dea sustentabilidade a longo prazo a LABboral Centro de Arte, con independencia do signo político das administracións competentes, axudando a que o poida conservar a súa natureza en constante evolución, sen a inxerencia política ou sufrindo a presión de momentos políticos conxunturais.

¡Puxa LABoral!

Firmar aquí / sign here

1,111 firmas